
A TRADICIÓN VITÍCOLA DE
VALDEORRAS
​
A comarca de Valdeorras é un lugar situado ao nordeste da provincia de Ourense. Dentro da comarca atópanse os municipios de O Barco, A Rúa, O Bolo, Carballeda, Larouco, Petín, Rubiá, A Veiga e Vilamartín. A situación xeográfica e a súa proximidade co río Sil convirte a esta comarca nun lugar de atractivo turístico. Pero sen dúbida, o principal atractivo desta comarca é o viño. Algún dos factores que fan que Valdeorras sexa un lugar óptimo para a viticultura son o clima e os solos.
Por iso Valdeorras é unha das cinco denominacións de orixe de Galicia. Aínda que a Denominación de orixe foi concedida en 1977, as orixes da tradición vinícola datan da época romana. Nesta etapa comezou a plantarse viñedo e construír lagares, e así comezou esta cultura secular de elaboración de viños; cultura que se viu tamén influenciada pola chegada dos grandes mosterios.
Sen embargo, o historiador Santiago Ferrer explica que os romanos introduciron o viño a pequena escala e para consumo propio. Ata a mellora das comunicacións non foi posible xerar un volume de produción que chegara para ser exportado.
No primeiro terzo do século XX, o proceso de produción do viño era un traballo moito máis físico. Tarefas que hoxe en día están mecanizadas tiñan que realizarse mediante traballo duro e moita man de obra. Isto implica que o proceso da vendima e coidado das viñas requería moito máis tempo e dedicación por parte dos viticultores. Así o asegura Antonio Prada Vedo, veterano da viticultura na zona de Valdeorras.
Os perigos da produción
A "morte silenciosa" é un dos principais peligros no proceso de produción do viño. Prodúcese no momento de fermentación da uva. O CO2 ou dióxido de carbono, gas que se xera en gran cantidade durante a fermentación, é máis denso que o aire. Por iso tende a acumularse xunto ao chan nos sitios onde non haxa correntes que o dispersen. O CO2 en se mesmo non é velenoso, sen embargo, ao ser máis denso que o aire ocupa as oquedades e despraza ao osíxeno. Este feito provoca que a súa respiración, aínda que non sexa velenosa, non achegue osíxeno aos pulmóns, o que pode producir en escaso tempo a perda da conciencia e pouco despois, a morte por asfixia.
A produción
Durante todo o ano e ata antes da vendima, as viñas deben ser sometidas a labores de coidado e mantemento. Algúns destes coidados son naturais, como podar as ramas, manter limpa a superficie de plantación ou retirar as follas que sobran. Este proceso de retirada de follas denomínase “refollar”. Para conseguir novas vides é necesario facer enxertos. O enxerto é a unión de dúas plantas mediante unha operación física que consiste na inserción dun anaco dunha na outra. A planta receptora, ou sexa a que vai achegar o sistema radicular, leva o nome de patrón. O anaco da parte doante que se enxerta no patrón recibe o nome de enxerto. A forma deste anaco e as datas de realización do enxerto van depender tanto dos métodos empregados como das “querenzas” das distintas especies. Nas especies de folla caduca, entre as que está a vide, hai dúas opcións: enxertar no inverno ou coa vexetación en desenvolvemento. Antonio Prada Vedo, socio fundador da Cooperativa Jesús Nazareno, móstranos o proceso:
​
Outro dos procesos é o uso de abonos naturais para garantir o crecemento das viñas. Unha vez extraída a uva, pode ter dúas saídas. Levala a unha adega particular para consumo propio ou levala á cooperativa. As únicas que seguen funcionando en Valdeorras son a Cooperativa Jesús Nazareno de O Barco e a Cooperativa Virxe das Viñas de A Rúa. Durante a vendima, a cooperativa recolle cada día un tipo de uva cunha gradación determinada. Os viticultores que teñan ese tipo de uva lévana e despois duns meses reciben unha compensación económica por cada quilo de produto. Segundo a calidade ou as necesidades do mercado, a cooperativa paga máis ou menos en función do tipo de uva. Actualmente, a maioría das persoas que posúen viñas non se dedican plenamente a elas, senón que compaxinan o seu traballo principal coa viticultura.
En Valdeorras, é característico o uso de covas subterráneas para a conservación do viño. Estas estruturas empréganse dende fai centos de anos na comarca debido ao microclima que se crea baixo terra, mantendo o viño a baixa temperatura. Alfonso Ferrer, viticultor de Vilamartín de Valdeorras, fainos un percorrido pola súa cova: