
O viño non é todo química
José Luis Murcia, Enólogo
José Luis Murcia é natural de Albacete pero leva anos vivindo na comarca de Valdeorras. Enólogo por pura vocación, actualmente traballa en varias adegas privadas na zona. José Luis cédenos uns minutos para falarnos do viño dunha comarca referente en viticultura.
En que consiste o traballo dun enólogo?
O enólogo é o técnico que desenvolve todos os procesos produtivos desde a viña ata conseguir o viño. Dentro das definicións ou as funcións dun enólogo está a comercialización. Consiste en controlar o viñedo, a produción da uva e o máis importante e imprescindible, a elaboración; a transformación do mosto da uva a viño.
​
Que ten que ter un viño para que se considere de alta calidade?
Esta é unha pregunta un pouco así moi tal. Un viño de alta calidade non ten por que gustar. Os criterios que definen unha alta calidade son:unha moi boa elaboración, sen defectos ou enfermidades, unha moi boa maduración e que respecte a variedade coa que está elaborado.
Que terreos son os máis válidos para o cultivo da uva en Valdeorras?
​
Aquí en Valdeorras, en todo o que é a Comarca, temos catro tipos de terreos. Eu sen dúbida quedariame cos graniticos e cos pizarrosos, que teñen pouca capa de terreo e son pobres. Isto en concreto o que che dá logo son viños dunha maior calidade en canto aroma. Os graníticos son os que temos na zona de O Bolo. Aínda que sexa a mesma variedade e a mesma gradación, dáche outras características, achégache máis mineralidad.
Os peores terreos, que precisamente en Valdeorras son os que menos hai, son os arcillosos, que dan máis carga de produción e menos intensidade aromática.
​
Que condicións son as idóneas para a conservación do viño?
A temperatura é primordial. A sanidade, a limpeza, iso é primordial. No viño, dentro da elaboración hai diferentes fases. En adega consérvase en depósitos que poden ser de cemento, de aceiro, barricas de madeira.. é primordial a temperatura; a idónea para o viño son 15 graos. En barrica por suposto a limpieza, hai que tentar eliminar ao máximo todo o que poden ser contaminacións de fermento, bacteria e demais. E a humidade. En botella, a temperatura.
​
Que materiais químicos son necesarios?
​
Algo primordial primordial primordial é o sulfuroso, que é antiséptico e antioxidante. Pero non é químico como tal, é un aditivo que teñen moitos produtos en lata, como os mexilóns. É unha cousa que idearon os exipcios hai xa 5000 anos. Hoxe en día os tratamentos no viño están moi rexidos pola OIV (Organización Internacional de la Viña y el Vino) e por normativas europeas, polo que non se pode botar calquer cousa. Temos clarificantes, temos antioxidantes, hai diferentes cousas. Moitas delas son correctivos e correctores e proveñen do mesmo viño, ou da uva, como son os taninos. Un viño que ten pouca estrutura podes corrixilo con tanino de uva que foi extraído previamente. O ácido tartárico emprégase tamén porque a acidez é primordial para a sanidade dun viño. E pouco máis, o viño non é como pensan algunhas persoas, non é todo química. Utilízanse algúns correctores, pero o proceso está moi moi moi controlado pola OIV. Hoxe ea tendencia é cara a menos manipulacións, a produtos máis naturais, sobre todo polo tema dos alérxenos. Coas técnicas que hai hoxe en día na elaboración, cada vez son menos necesarios moitos deses produtos.